Monday 13 de May de 2024

Obradoiro de Tempos para compartir impartido polo interiorista Javier Suárez


Obradoiro de Tempos para compartir impartido polo interiorista Javier Suárez arredor dos trucos de decoración necesarios para engadirlle valor a unha vivenda que se queira poñer á venda.

Suárez é un reputado decorador que nos últimos tempos se especializou no home-staging ou, dito doutro xeito, na ambientación de vivenda para que lle cause unha boa impresión a calquera persoa interesada en comprala.

O home-staging combina o gusto polo detalle e a combinación de elementos -mobles, cortinas, a pintura, iluminación, etc.- de cara a crear unha imaxe acolledora de calquera inmoble.

Porén, os consellos de Suárez tamén serviron de orientación para as 25 persoas participantes no obradoiro de cara a converter os seus fogares nun lugar máis agradable onde vivir.

Próximo obradoiro: elaboración de pan
O próximo Tempos para compartir celebrarase en Naraío o sábado 5 de marzo e estará dedicado á elaboración de pan artesán nun forno de leña tradicional. Neste caso contarase coa colaboración de Lois Anxo Rodríguez -director do CPI e exdirector da escola de hostelería de Pontedeume-, da tamén profesora do colexio Pilar Charlón e do veciño da parroquia Juan Manuel Vega.

No obradoiro faranse bolos tradicionais, pero tamén se mostrará a preparación de panificacións máis actuais, como por exemplo as fogazas recheas de froitos secos. Só se ofrecen 12 prazas que se cubrirán por orde de inscrición dándolle prioridade a persoas empadroadas no municipio. Para apuntarse é necesario chamar ao 981 490 027 ext.1